O tempo meteorolóxico na poesía galega
"Non é nada estraño que a nosa lingua teña unha chea de palabras para designar a chuvia. Dis que arredor de cen. E tampouco é nada raro que na literatura de noso chova de xeito persistente, especialmente na poesía." (Agustín Fernández Paz)
Pensamos en recoller refráns, ditos populares… Pero ao final vimos que o máis orixinal, o menos traballado e o que ía ser realmente orixinal era facer unha selección de poemas da nosa literatura.
O alumnado de PMAR, coa axuda do profe do Ámbito Sociolingüístico, fixo unha selección, non exhaustiva, de poemas nos que a chuvia e outros fenómenos meteorolóxicos están presentes (a maioría das veces só copiamos eses versos, non todo o poema). Ademais, están ordenados cronoloxicamente. Agás o poema de Manuel Rivas, que poñemos xa ao principio por ser tan axeitado para este tema.
1
LEVAD', AMIGO, QUE DORMIDES AS MANHANAS FRIAS
Levad', amigo, que dormides as manhanas frias
tôdalas aves do mundo d'amor dizia[m]:
leda m'and'eu.
Levad', amigo que dormide'las frias manhanas
tôdalas aves do mundo d'amor cantavam:
leda m'and'eu
[...]
Nuno Fernandes Torneol (Trobador medieval, S. XIII?)
2
COMO CHOVE MIUDIÑO
Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
[...]
¡Mais que lus, que colorido
nos espazos se dilata!
Luce o sol descolorido
i arco de iris xa nacido
longa sinta se desata.
Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove
Rosalía de castro (Cantares Gallegos, 1863)
3
CHOVE NA CIDADE
CHOVE NA CIDADE
Chove de noite na cidade
Chove de noite na Cidade Vella.
Na Cidade vella torta e sombriza
chove unha donda
cadea de eternidade.
Pra que os canos choren
por Sempre e máis Despois
chove na Cidade.
CHOVE NA ALDEA
Chove ó serán na Aldea
Chove ó serán na Aldea vella.
Na Aldea vella doída e esquencida
chove unha donda
eterna cadea.
Pra que as ponlas das árbores choren
por Sempre e máis Despois
chove na Aldea.
Manuel Antonio (Sempre e máis despois, 1924?)
4
SOMBRA DO AIRE NA HERBA
De sotaque sorprendín á mañá
entrando na vila,
cantando da mao da fina chuvia.
Cos pés espidos e mollados
viña dos camiños verdes, profundos.
Dedos do vento transparentes, baleiros,
en brunidas bandexas.
Scherzo da zoca na acera.
Leda canción.
E debaixo do mantel de liño fresco
a muller do obreiro leva as doce campanadas.
Unha canción que se cae e se levanta.
O polvo nas alas e tamén o ceo.
Unha canción tan lonxana e lene
como a sombra do aire sobre a herba.
Ata min chega tan solo en anacos;
mais eu enténdoa exacta e enteira,
como a sombra do aire sobre a herba.
Luís Pimentel (Sombra do aire na herba, 1959)
5
TERRA CHA
A Terra Cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
Manuel María (Terra Cha, 1954)
6
CHOIVA
Cae a auga na Chaira
soio polo gusto
de pegarlle na cara.
A Chaira sofre e cala.
Manuel María (Terra Cha, 1954)
7
TRONOU, VENTOU E CHOVEO
TRONOU, ventou e choveo.
Bicouse a terra co ceo.
A noite que onte caíu
sólo foi pra quen’a oíu.
Ameteu o río. Ameteron as fontes
i os fontegallos dos montes.
Naz’a a auga a golfarón.
Regan os prados a cachón.
CHOVE no monte e nas viñas.
Envolca a auga en regueiras
i ailí onde caen as beiras
baila muiñeiras miudiñas…
CHOVE xunto e miudo…
[...]
Uxío Novoneyra (Os Eidos, 1955)
8
MADRIGAL Á CIBDÁ DE SANTIAGO
Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.
Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pol-a rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.
Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Agoa da mañán anterga
trema no meu corazón.
Federico García Lorca (Seis poemas galegos, 1935)
9
PENÉLOPE
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol como unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
[...]
Xosé María Díaz Castro (Nimbos, 1961)
10
INVERNO
Chove, chove na casa do pobre
e no meu corazón tamén chove.
[...]
Celso Emilio ferreiro (Longa noite de pedra, 1962)
11
MARÍA SILENCIO
Cabeleira de chuvia, ollos de néboa.
María Silencio, esfarrapada, á espreita.
Sempre agardando, pola noite, as barcas.
A túa anguria fala con olladas.
María Nocturna: no peirán ¿qué esperas?
¿polo dia non vives?
¿Naces cada solpor? ¿Cais de primeira estrela?
[...]
Ricardo Carvalho Calero (Pretérito Imperfeito, 1980)
12
CHOVE PAUSIÑO PRAS SOMBRAS
Chove pausiño pras sombras
chove pra baixo e pra riba.
O aire de soño en soño
a auga pinga que pinga...
[...]
Uxío Novoneyra (Os Eidos, 1981)
13
TERRA DE PROSEGUIR E NON DAR NADA
Terra de proseguir e non dar nada,
despaciosa Galicia que nos levas
acochados en ti! Lento veleno
que pon nos ollos unha cousa verde!
Lingua que me enche a boca enteiramente
e coma un río interno me asolaga.
Quero dicir teu nome e digo apenas
xente de terra, homes lentamente
un por un devecendo e sendo nada.
Galicia coma un río que se estiña,
terra de esmorecer, patria do vento!
Quero dicir teu nome e digo dorna
baleira, mergullada dorna negra,
grande arado sen bois, feira sen xente,
noite que vén, enorme noite fría...
Quixera alzar meu canto coma un puño
e pór na miña voz teu nome ergueito
pero non hai ninguén para escoitarme.
Méndez Ferrín (Poesía enteira de Heriberto Bens,1980)
14
OUTRO POEMA DOS DONS
Gracias quero dar
pola noite e a chuvia
que nos devolven a memoria da nai,
e pola muller
que dá forma á beleza.
Gracias polo sexo
que une nunha soa carne
dúas soidades
e polo soño que nos permite
a viaxe á morte
e o regreso.
Gracias polo vento
que nos fai estraños de nós mesmos
e pola pedra
que aspira a soñar a eternidade.
[...]
Xulio López Valcárcel (Memoria de agosto, 1993)
15
NOVEMBRO, CHUVIA DE CINZA E TEMPO
Era verao e eramos nenos…
Recónditas alcobas
fechadas á fogaxe
acollían na penumbra
sestas rumorosas,
respiracións apracibles,
ata acordar renovados
pero raros, como apetentes
de infinito, ao devalar calmo
das tardes de verao.
[...]
Agora é Novembro e chove,
chove na casa dos mortos.
Chega a chuvia dun país distante,
entre panos de cárdenas ausencias
mexéndose no aire, chega a chuvia
e cae furando os teares dos soños,
[...]
Agora é Novembro e chove,
chove, na casa dos mortos
Xulio López Valcárcel (Memoria de agosto, 1993)
16
MEU NENIÑO
Meu neniño, cando chegues
que o arco da vella estenda
o seu grande abrazo de cores
e te anuncie.
Que enmudeza o vento e sexa
apenas leve airexa de cóxegas
xogando no teu pelo.
[...]
Xulio López Valcárcel (O sol entre os dedos, 1993)
17
HERBOSA
eu nacín aprendida a ser aberta
como casa mariñeira
e a ser fácil muller de chuvias e tormentas.
eu non sei cómo cheguei a torques,
retroñada.
estaba destinada a xerfa e dolmen
porque tiña vontade de loucura
e tódolos ciclos do entusiasmo.
aprendera a ler pola palma das mans,
sabía fondear en tódalas arquitecturas do lume
e restituír a chuvia
coma tocar palabras pola punta do océano.
déranme un fardo de brisas
pero eu detíñame nas túas ventoeiras
porque non curan o mal das lagoas
nin a forma máis antiga de ser bosque.
quería saborear tódalas feituras
da explosión do ocre,
resolver os aromas tristes
en pracer excesivo
e desnortar o repouso
coma escindir o corpo
ata conseguir as últimas figuras
da caída libre.
[...]
eu non sei cómo non esgotei
as posibilidades de cen tipos de neve.
contigo comén as raíces da vida primeira,
escampo e sei
que acabarei saíndo dos ubres das vacas
a chorros.
Olga Novo (Nós nus, 1997)
18
A CHOIVA PEITEA
A choiva peitea
as ondas do mar
con peites de escuma
e bicos de sal
e pousa os orballos
na face do mar.
Antonio García Teijeiro (Chove nos versos, 2004)
No hay comentarios:
Publicar un comentario