IES Beade

IES Beade

jueves, 23 de noviembre de 2017

lunes, 5 de junio de 2017

Enquisas para profesorado e alumnado do proxecto


Como punto final do noso proxecto por este curso, pídovos que cubrades unha pequena enquisa de avaliación premendo nas seguintes ligazóns:

Enquisa para alumnado

Enquisa para profesorado

Moitas grazas a todos e todas e feliz verán!

sábado, 3 de junio de 2017

MeteoEscolas na feira de proxectos



O martes 30 de maio celebramos no IES a feira de proxectos deste ano académico. Entre moitos outros, había uns stands coas actividades realizadas dentro do proxecto MeteoEscolas.

Déixovos aquí algunha mostra, con moitos agradecementos a Avelino, que fixo unhas fotos fantásticas.










Climogramas da nosa estación meteorolóxica



Climogramas cos datos tomados polo alumnado de 1º e 2º de ESO na nosa estación meteorolóxica durante o curso



lunes, 15 de mayo de 2017

Actividades meteorolóxicas coa plataforma GRAASP



Graasp.eu é unha plataforma educativa promovida pola Unión Europea para o deseño de actividades baseadas en proxectos. A idea é ter nun mesmo entorno web a inforamción e documentación necesaria para facer o traballo, así como e desenrolo do mesmo. Poden engadirse páxinas web, presentacións, táboas, cadros de texto...


Os estudantes poden acceder a ela a través dunha ligazón, e o profesor logo accede ao traballo presentado por eles.

Na seguinte ligazón tedes unha previsualización de como se estructuran as ILS ou "Integrated Learning Spaces". As unidades aínda está en fase beta.



1) Estructura da atmósfera: ligazón 

Estructura da atmósfera


2) Interpretación de mapas meteorolóxicos: ligazón




martes, 11 de abril de 2017

O tempo meteorolóxico na nosa poesía

O tempo meteorolóxico na poesía galega


"Non é nada estraño que a nosa lingua teña unha chea de palabras para designar a chuvia. Dis que arredor de cen. E tampouco é nada raro que na literatura de noso chova de xeito persistente, especialmente na poesía." (Agustín Fernández Paz)

Pensamos en recoller refráns, ditos populares… Pero ao final vimos que o máis orixinal, o menos traballado e o que ía ser realmente orixinal era facer unha selección de poemas da nosa literatura.

O alumnado de PMAR, coa axuda do profe do Ámbito Sociolingüístico, fixo unha selección, non exhaustiva, de poemas nos que a chuvia e outros fenómenos meteorolóxicos están presentes (a maioría das veces só copiamos eses versos, non todo o poema). Ademais, están ordenados cronoloxicamente. Agás o poema de Manuel Rivas, que poñemos xa ao principio por ser tan axeitado para este tema.





1
LEVAD', AMIGO, QUE DORMIDES AS MANHANAS FRIAS

Levad', amigo, que dormides as manhanas frias
tôdalas aves do mundo d'amor dizia[m]:
leda m'and'eu.

Levad', amigo que dormide'las frias manhanas
tôdalas aves do mundo d'amor cantavam:
leda m'and'eu
[...]

Nuno Fernandes Torneol (Trobador medieval, S. XIII?)

2
COMO CHOVE MIUDIÑO

Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
[...]

¡Mais que lus, que colorido
nos espazos se dilata!
Luce o sol descolorido
i arco de iris xa nacido
longa sinta se desata.

Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove

Rosalía de castro (Cantares Gallegos, 1863)

3
CHOVE NA CIDADE

CHOVE NA CIDADE
Chove de noite na cidade
Chove de noite na Cidade Vella.
Na Cidade vella torta e sombriza
chove unha donda
cadea de eternidade.
Pra que os canos choren
por Sempre e máis Despois
chove na Cidade.

CHOVE NA ALDEA
Chove ó serán na Aldea
Chove ó serán na Aldea vella.
Na Aldea vella doída e esquencida
chove unha donda
eterna cadea.
Pra que as ponlas das árbores choren
por Sempre e máis Despois
chove na Aldea.

Manuel Antonio (Sempre e máis despois, 1924?)

4
SOMBRA DO AIRE NA HERBA

De sotaque sorprendín á mañá
entrando na vila,
cantando da mao da fina chuvia.
Cos pés espidos e mollados
viña dos camiños verdes, profundos.
Dedos do vento transparentes, baleiros,
en brunidas bandexas.
Scherzo da zoca na acera.
Leda canción.
E debaixo do mantel de liño fresco
a muller do obreiro leva as doce campanadas.

Unha canción que se cae e se levanta.
O polvo nas alas e tamén o ceo.
Unha canción tan lonxana e lene
como a sombra do aire sobre a herba.
Ata min chega tan solo en anacos;
mais eu enténdoa exacta e enteira,
como a sombra do aire sobre a herba.

Luís Pimentel (Sombra do aire na herba, 1959)

5
TERRA CHA

A Terra Cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.

Manuel María (Terra Cha, 1954)

6
CHOIVA

Cae a auga na Chaira
soio polo gusto
de pegarlle na cara.
A Chaira sofre e cala.

Manuel María (Terra Cha, 1954)

7
TRONOU, VENTOU E CHOVEO

TRONOU, ventou e choveo.
Bicouse a terra co ceo.
A noite que onte caíu
sólo foi pra quen’a oíu.
Ameteu o río. Ameteron as fontes
i os fontegallos dos montes.
Naz’a a auga a golfarón.
Regan os prados a cachón.

CHOVE no monte e nas viñas.
Envolca a auga en regueiras
i ailí onde caen as beiras
baila muiñeiras miudiñas…

CHOVE xunto e miudo
[...]

Uxío Novoneyra (Os Eidos, 1955)

8
MADRIGAL Á CIBDÁ DE SANTIAGO

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pol-a rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Agoa da mañán anterga
trema no meu corazón.

Federico García Lorca (Seis poemas galegos, 1935)

9
PENÉLOPE

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois  e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol como unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
[...]

Xosé María Díaz Castro (Nimbos, 1961)

10
INVERNO

Chove, chove na casa do pobre
e no meu corazón tamén chove.
[...]

Celso Emilio ferreiro (Longa noite de pedra, 1962)

11
MARÍA SILENCIO

Cabeleira de chuvia, ollos de néboa.
María Silencio, esfarrapada, á espreita.

Sempre agardando, pola noite, as barcas.
A túa anguria fala con olladas.

María Nocturna: no peirán ¿qué esperas?
¿polo dia non vives?
¿Naces cada solpor? ¿Cais de primeira estrela?
[...]

Ricardo Carvalho Calero (Pretérito Imperfeito, 1980)


12
CHOVE PAUSIÑO PRAS SOMBRAS

Chove pausiño pras sombras
chove pra baixo e pra riba.
O aire de soño en soño
a auga pinga que pinga...
[...]

Uxío Novoneyra (Os Eidos, 1981)

13
TERRA DE PROSEGUIR E NON DAR NADA

Terra de proseguir e non dar nada,
despaciosa Galicia que nos levas
acochados en ti! Lento veleno
que pon nos ollos unha cousa verde!
Lingua que me enche a boca enteiramente
e coma un río interno me asolaga.
Quero dicir teu nome e digo apenas
xente de terra, homes lentamente
un por un devecendo e sendo nada.
Galicia coma un río que se estiña,
terra de esmorecer, patria do vento!
Quero dicir teu nome e digo dorna
baleira, mergullada dorna negra,
grande arado sen bois, feira sen xente,
noite que vén, enorme noite fría...

Quixera alzar meu canto coma un puño
e pór na miña voz teu nome ergueito
pero non hai ninguén para escoitarme.

Méndez Ferrín (Poesía enteira de Heriberto Bens,1980)

14
OUTRO POEMA DOS DONS

Gracias quero dar
pola noite e a chuvia
que nos devolven a memoria da nai,
e pola muller
que dá forma á beleza.
Gracias polo sexo
que une nunha soa carne
dúas soidades
e polo soño que nos permite
a viaxe á morte
e o regreso.
Gracias polo vento
que nos fai estraños de nós mesmos
e pola pedra
que aspira a soñar a eternidade.
[...]

Xulio López Valcárcel (Memoria de agosto, 1993)

15
NOVEMBRO, CHUVIA DE CINZA E TEMPO

Era verao e eramos nenos…
Recónditas alcobas
fechadas á fogaxe
acollían na penumbra
sestas rumorosas,
respiracións apracibles,
ata acordar renovados
pero raros, como apetentes
de infinito, ao devalar calmo
das tardes de verao.
[...]

Agora é Novembro e chove,
chove na casa dos mortos.

Chega a chuvia dun país distante,
entre panos de cárdenas ausencias
mexéndose no aire, chega a chuvia
e cae furando os teares dos soños,
[...]
Agora é Novembro e chove,
chove, na casa dos mortos

Xulio López Valcárcel (Memoria de agosto, 1993)

16
MEU NENIÑO

Meu neniño, cando chegues
que o arco da vella estenda
o seu grande abrazo de cores
e te anuncie.
Que enmudeza o vento e sexa
apenas leve airexa de cóxegas
xogando no teu pelo.
[...]

Xulio López Valcárcel (O sol entre os dedos, 1993)


17
HERBOSA
eu nacín aprendida a ser aberta
como casa mariñeira
e a ser fácil muller de chuvias e tormentas.
eu non sei cómo cheguei a torques,
retroñada.
estaba destinada a xerfa e dolmen
porque tiña vontade de loucura
e tódolos ciclos do entusiasmo.
aprendera a ler pola palma das mans,
sabía fondear en tódalas arquitecturas do lume
e restituír a chuvia
coma tocar palabras pola punta do océano.
déranme un fardo de brisas
pero eu detíñame nas túas ventoeiras
porque non curan o mal das lagoas
nin a forma máis antiga de ser bosque.
quería saborear tódalas feituras
da explosión do ocre,
resolver os aromas tristes
en pracer excesivo
e desnortar o repouso
coma escindir o corpo
ata conseguir as últimas figuras
da caída libre.
[...]
eu non sei cómo non esgotei
as posibilidades de cen tipos de neve.
contigo comén as raíces da vida primeira,
escampo e sei
que acabarei saíndo dos ubres das vacas
a chorros. 

Olga Novo (Nós nus, 1997) 


18
A CHOIVA PEITEA

A choiva peitea
as ondas do mar
con peites de escuma
e bicos de sal
e pousa os orballos
na face do mar.

Antonio García Teijeiro (Chove nos versos, 2004)

viernes, 31 de marzo de 2017

Entendendo as nubes: Concurso de fotografía

A Consellería de Medio Ambiente convoca o concurso de fotografía Entendendo as nubes promovido para conmemorar o 23 de marzo de 2017, Día Meteorolóxico Mundial.



Se queredes participar soamente tedes que facer unha foto co voso móbil ou cámara, darlle un título, e falar con algún dos profesores do club de ciencias ou dos profesores de plástica.

O prazo remata o 23 de maio.

Publicaramos todas as vosas fotos neste blog. E dende o club de ciencias darémoslle un pequeno agasallo a todos os participantes.

Para inspirarte podes ver fotos de nubes na páxina do Atlas internacional de nubes.

Máis información do concurso da Consellería en:
- http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/10974-concurso-de-fotografia-entendendo-as-nubes

- DOG do 23 de maio

viernes, 24 de marzo de 2017

Higrómetro caseiro

Un grupo de alumnos de 1ºESO do club de ciencias construíron un higrómetro caseiro, para medir a humidade do aire mediante a diferencia de temperatura entre un termómetro seco e outro húmido, co bulbo sensor sumerxido en auga.






O pasado mércores o instalamos na caseta da estación meteorolóxica e tomamos as primeiras medidas. Como era de esperar co tempo que temos estes días, frío e chuvioso, a humidade ronda o 90%





Saraiba do mércores 22 de marzo

Pouco despois da nosa toma diaria de datos, sobre as 10:30, tivemos unha curta pero intensa saraiba, cunhas pedriñas de tamaño respetable, para o que soe ser habitual en Vigo, de case un centímetro de diámetro.
Déixovos as fotos tomadas por Celia.






jueves, 9 de marzo de 2017

Xa temos porta na estación!

Aínda que abrila ten truco (e menos mal que temos a Ricardo para descubrilo), xa temos unha porta noviña para a estación



domingo, 12 de febrero de 2017

O primeiro climograma

Aínda temos poucos datos, pero xa fixemos a nosa primeira proba dun climograma usando a utilidade de gráficos Google charts.


Que vos chama a atención na gráfica?
Hai algún erro?


domingo, 29 de enero de 2017

Comezamos a medir!


O luns 16 de xaneiro, á volta das vacación de nadal, empezamos a tomar datos na estación meteorolóxica.

Aínda que lle falta a porta, a orientación da estación, cara o norte, impide que lle de o sol directo.
Tampouco tivemos nada de vento, estes primeiros días... 




Cada vez que midades, recordade:

DARLLE AO BOTÓN "CLEAR" DO TERMÓMETRO

  BALEIRAR A AUGA DO PLUVIÓMETRO